A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta mañá no pazo municipal o pleno deste mes. Nesta xuntanza, os representantes dos municipios que integran o organismo —Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— avanzaron no novo expediente de contratación do servizo de Atención Temperá, que presta o organismo a través dun convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps). O novo contrato terá unha duración dun ano prorrogable outro máis e está previsto que saia a licitación ao longo deste mes de xullo.
Trátase dun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos dos nove concellos da Mancomunidade, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Desde o comezo da súa actividade, o pasado mes de setembro, ata o pasado mes de xuño prestouse asistencia a máis de 70 usuarios.