A pintura cinética-temática ven a Ferrol da man de Pérez Alonso

Esta corrente artística que xoga co movemento poderase apreciar a partir de mañá 7 ata o 23 de agosto na Sala de Exposicións do Porto de Ferrol

A sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acollerá, a partir de mañá, a mostra Ferrol Cinético-Temático do pintor Francisco Pérez Alonso. Un conxunto de obras que representan os lugares máis emblemáticos da cidade ferrolá, como o castelo de San Felipe ou a Porta de Bazán.

Todas as pezas desta exposición están realizadas baixo a técnica de pintura cinética-temática. Esta corrente artística está baseada na estética do movemento e consiste en crear obras que aparezan que o teñan. Este efecto visual conséguese con debuxos lineais de medidas moi precisas.

A esta técnica de arte cinético o pintor Pérez Alonso engádelle un tema, impulsando así unha nova corrente pictórica. Ferrol Cinético-Temático está dividida en dúas salas: na principal os visitantes poderán gozar das representacións de vinte monumentos de Ferrol e, na segunda, expoñeranse outros exemplos de cadros con movemento.

A apertura desta mostra terá lugar mañá aos doce do mediodía na Sala de Exposicións do Porto de Ferrol, sita no peirao de Curuxeiras. Poderase visitar ata o 23 de agosto, en horario de 12.30 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas.

Salir de la versión móvil