O goberno local habilitou un dispositivo específico da Policía Local e Protección Civil para reforzar a seguridade no acceso e saída dos centros de ensino de cara ao inicio, a vindeira semana, do curso escolar.
Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, tras rematar hoxe mesmo as xuntanzas convocadas coas directoras e directores dos centros de ensino públicos e concertados da cidade, persoal técnico do Concello e os edís de Ensino, Mercedes Taibo; Seguridade Cidadá, Román Romero, e Servizos, Ibán Santalla.
A primeira xuntanza tivo lugar o pasado mércores e hoxe a primeira hora da mañá celebrouse a última, cos directores dos centros concertados da cidade: Ayala, Jorge Juan e Santiago Apóstol.
Policía Local e Protección Civil para iniciar o curso
O Plan especial que se implementará co inicio do curso escolar contempla inicialmente a presencia de axentes da Policía Local e de voluntariado de Protección Civil no momento da entrada e saída do alumnado aos centros de ensino, tal e como avanzou Ferreiro. «Nos primeiros días levarase a cabo unha labor máis intensa da que xa viñamos facendo nalgúns centros de ensino da cidade para garantir o cumprimento das medidas de seguridade conforme establece o protocolo da Covid-19», apuntou.
A maiores, incrementaranse os espazos reservados nas zonas de «Bica e arrinca» para que as nais e pais poidan realizar as paradas para deixar e recoller aos escolares parando cos seus vehículos nun área que terá maiores dimensións.
Camiños Escolares Seguros
En canto aos Camiños Escolares Seguros, a rexedora local explicou que debido á excelente acollida que teñen na cidade, grazas á colaboración e implicación das familias, potenciarase e analizarase a viabilidade de incrementar as súas prestacións porque este mesmo curso estarán operativos en todos os centros de ensino da cidade.
Entre as opcións que se barallan, avanzou, «está a posibilidade de que a aplicación para teléfonos móbiles coa que conta este servizo permita que por exemplo as familias comuniquen a través dela que a súa filla ou fillo non pode ir á escola para que os docentes saiban cantos alumnos terán cada día ou tamén no momento da saída do colexio».