A administración local vén de poñer en servizo unha nova zona de estacionamento nas inmediacións da praia de Outeiro, en Lago. Ocupa unha superficie duns 2.000 metros cadrados e sitúase a uns 500
metros do areal. Foi posible grazas ás xestións realizadas coas persoas propietarias dos terreos, que os cederon de forma temporal para habilitalos como aparcadoiro.
Así mesmo, nas últimas xornadas o Concello procedeu á limpeza da zona e ao seu acondicionamento, así como á instalación da correspondente sinalización. Ademais, ten solicitado ante a Demarcación de Costas e a Xunta de Galicia a incorporación de novos espazos para este fin, aínda que está pendente de contestación por parte das dúas administracións, con competencia sobre os terreos. Coa medida, téntase dar resposta ao escaso estacionamento na zona. A pé de areal hai un aparcadoiro con capacidade para uns 100 vehículos, nos que este ano se gañou algunha praza ao reordenar o aparcamento e evitar o
estacionamento en liña.