O edil de Sanidade e Feiras, Santiago Galego, anunciou a suspensión da celebración da primeira edición da «Feira do motor de Narón», convocada para os días 5 e 6 de setembro no polígono de Río do Pozo. O edil naronés explicou que esta decisión débese á actual situación sanitaria, ante o constante incremento de casos activos de Covid-19 nos últimos días.
Porén, dende a casa consistorial xa informarón de que se tratará de buscar unha data en canto a situación sanitaria permita ofrecer todas as garantías necesarias para non poñer en perigo a saúde dos asistentes. A convocatoria tiña como obxectivo impulsar a venda de vehículos -de ocasión, novos, quilómetro cero, motocicletas, autocaravanas…- e de artículos de sectores vencellados ao mundo do motor.
«A nosa intención de colaborar co sector é firme, polo que en canto sexa posible convocaremos de novo este evento», asegurou Galego, que solicitou de antemán desculpas polas molestias que se puideron ocasionar ás persoas que xa tiñan confirmada a súa participación como expositores.