A veciñanza de Valdoviño xa pode consultar a través da web municipal cal será o número da súa vivenda unha vez se aprobe definitivamente a nova numeración do municipio. O Boletín Oficial da Provincia publicaba o pasado martes 15 de setembro o anuncio coa aprobación inicial do documento, abríndose a partir do pasado mércores un prazo de 20 días para a presentación de alegacións, suxestións ou reclamacións.
No citado documento inclúese unha memoria explicativa e unha serie de planos segundo cada unha das oito parroquias de Valdoviño onde se especifica por lugares a numeración de cada parcela. En vermello, aquelas con vivenda e, en verde, aquelas con previsión de futuro inmoble.
A principios de mes o pleno daba luz verde á aprobación inicial da numeración en toda a localidade, iniciando así un proceso que continuará coa remisión da proposta ao Instituto Nacional de Estatística para a súa tramitación definitiva.
Solución aos problemas de identificación
Con esta medida, preténdese dar unha solución definitiva ás problemáticas de identificación dos inmobles como consecuencia dos diversos cambios na numeración e ausencia da mesma en moitas edificacións. A numeración municipal permitirá así solventar os problemas dados á hora do reparto do correo, paquetería e da xestión municipal en xeral.
Para iso, un dos obxectivos principais é poder levar a cabo unha identificación inequívoca de todas as edificacións numerables existentes -vivendas, terciarios, bens patrimoniais, edificios industriais-, así como chans susceptibles de ser edificados nun futuro en base ás normativas existentes e aos instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no Concello.