A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino ás residencias e entidades sociais da comarca de Ferrolterra. Nesta área a partida inclúe 12.600 máscaras, 10.312 luvas e 163 traxes antisalpicaduras.
Entre as partidas enviadas esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais. Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado dez envíos de material aos centros sociais da comarca con material de protección.
Renovación de camas
A Xunta de Galicia acometeu, ademais, a renovación das camas en tres centros residenciais públicos de maiores e de persoas con discapacidade en Cabanas e Ferrol. A residencia de maiores de Laraxe (Cabanas) tivo sete novas camas; a de Ferrol, cinco; e a residencia de Souto de Leixa (Ferrol) contou con dúas novas camas.