A Xunta vén de facer un novo envío de material de protección fronte á Covid-19 con destino ás residencias e entidades sociais debido á súa gran vulnerabilidade, incluíndose a maiores ás escolas infantís e aos centros sociocomunitarios da área de Ferrolterra.
Material sanitario de prevención
Nesta comarca a partida entregada foi de 24.312 máscaras e 19.400 luvas, e entre o material enviado esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á administración autonómica tendo en conta as súas necesidades actuais.
Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado 23 envíos de material aos centros sociais da comarca e ás escolas infantís que iniciaron o curso, con material de protección. Concretamente, no que levamos de crise o Goberno autonómico enviou 359.313 luvas e 300.707 máscaras, entre outros materiais, á área de Ferrolterra.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.