O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as novas modificacións impostas pola Xunta na normativa que regula a nova normalidade, entre elas, o aumento de aforo en praias e parques infantís e o uso de máscaras nos locais de lecer nocturno, á vez que censurou “o disparate” dos botellóns sen control nin protección.
A nova resolución da Consellería de Sanidade establece que o uso da máscara será obrigatoria en «case todas» as circunstancias, tanto ao aire libre como en espazos pechados, onde non poida garantirse o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros. A normativa da Xunta exceptúa os supostos nos que se poida permanecer sentado dentro dun espazo pechado a condición de que existan medidas que permitan que se manteña «en todo momento» a distancia de seguridade necesaria.
Outro dos puntos que se regulan nesta nova normativa ten que ver coa celebración das famosas verbenas de verán. Terán que celebrarse en espazos acoutados que permitan controlar os aforos e estes serán, nos recintos máis grandes, dun máximo de 2.000 persoas, que deberán usar máscara e respectar a distancia de seguridade de tres metros cadrados por individuo.
No caso das verbenas, o aforo dependerá da superficie onde se celebre, que deberá acoutarse. En todo caso, para espazos inferiores a 8.000 metros cadrados, haberá un máximo de 1.000 asistentes e nos máis grandes, ata 2.000 persoas.
Ocio nocturno
En canto aos locais de lecer nocturno os usuarios deberán usar máscara e pediráselles que deixen un número de teléfono para localizalos no caso de que se detecte un positivo. Este sistema de rexistro, será obrigatorio para os locais, aínda que a cesión de datos será voluntaria.
O aforo deste tipo de establecementos limitarase a dous terzos da súa capacidade, inferior ao 75% actual do resto de bares e restaurantes, aínda que as terrazas estarán ao 80%. As pistas de baile, coa intención de garantir a distancia de seguridade, terán unha ocupación máxima do 50%.
Pola súa banda, as praias e parques amplían o seu aforo ata tres metros cadrados por cada persoa. Ademais, as normas nas praias precisan agora que os concellos deberán establecer as medidas necesarias para garantir que os cidadáns manteñen as distancias de seguridade interpersoal «tamén nas zonas de acceso e saída» co obxectivo de «evitar aglomeracións».
A iso súmase, que as entidades locais poderán establecer límites tanto nos tempos de permanencia nos areais como no acceso aos aparcamentos para «facilitar o control da capacidade».