Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, foron moitos os concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal que organizaron diferentes actos e homenaxes para revindicar unha sociedade igualitaria e libre de violencia machista. En Narón, a praza da Gándara acolleu esta mañá, ás 11.30 horas, o acto institucional organizado polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que asistiron outros edís da corporación local, entre eles a concelleira de Igualdade, Mar Gómez.
Acudiron tamén representantes do movemento asociativo e entidades da cidade e docentes e alumnado de centros de ensino que participaron na marcha ciclista escolar “Pola igualdade e contra a violencia” do CEIP Ponte de Xuvia, CPR Jorge Juan, CPI Feal, e CEIP Piñeiros. Tamén participaron nesta convocatoria alumnas e alumnos que se achegaron a pé desde os centros escolares de CEIP A Solaina, CPR Ayala, CEIP Virxe do Mar, CEIP A Gándara, e CPR Santiago Apóstol que portaban as súas pancartas do 25 N.
En Neda, tamén foi protagonista o alumnado dos coles de San Isidro e Maciñeira e do IES Fernando Esquío, que encabezaron a Marcha polo Bo Trato convocada polo Concello de Neda. Pasadas as once da mañá iniciaban a andaina dende o Albergue Municipal de Peregrinos, portando mensaxes reivindicativas contra a violencia de xénero, e acompañados no seu percorrido por Protección Civil.
Alcanzaban a praza da casa consistorial media hora despois, para tomar a palabra e ler diferentes textos elaborados nas aulas centrados, especialmente, na igualdade e condea da violencia. Frases curtas e redaccións máis amplas misturáronse nas intervencións dos diferentes cursos, nas que tamén houbo música e performance -neste caso, un baile con música de Rozalén á que a rapazada puxo letra en lingua de signos-.
Do mesmo xeito o alumnado de Pontedeume e moitos outros veciños eumeses congregáronse na praza Real para mostrar a súa repulsa á violencia de xénero. A concentración contou coa asistencia do alumnado do IES Breamo, Luis Vives y CPR plurilingüe San José. Durante o acto, deuse lectura ao manifesto institucional do Concello de Pontedeume quen ratifica o seu compromiso na loita contra a violencia machista. O manifesto instou a visibilizar e denunciar a situación das mulleres na sociedade. O Concello de Pontedeume animou a fomentar a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, como o laboral, cultural, deportivo ou familiar, entre outros.
A corporación municipal de Cedeira secundou esta mañá unha concentración na praza do Concello con motivo do 25N. No acto leuse un manifesto institucional no que se defendeu a igualdade e o respecto á diversidade, rexeitando calquera acto ou actitude de violencia contra as mulleres. Pola súa banda, o equipo “Faro da Igualdade” do IES Punta Candieira participou facendo unha performance que levaba por título “Somos as voces das que xa non poden falar”, en recordo das vítimas dos asasinatos machistas.
Tal como se expresou no manifesto, o acto tiña por obxectivo “recordar ás mulleres, nenos e nenas, persoas vítimas de violencia machista” e “reivindicar os dereitos das mulleres de vivir libres e sen violencias”. O ano pasado a tráxica conta da violencia machista era de 1.118 mulleres e 44 crianzas asasinadas –desde o ano 2003, cando empezaron a gardarse os datos- “e neste 2022 temos que sumar 38 feminicidios máis”. A corporación cedeiresa reivindicou que “como cidadanía temos que actuar e mirar de cara a esta inxustiza, pelexar e educar na igualdade de oportunidades” e recordou que máis aló dos asasinatos hai outras moitas violencias, física, psíquica, moral, sexual, económica, discriminación educativa, laboral e social, abusos e tratos degradantes.
“Tamén temos o deber de responder a quen nega esta realidade social, banaliza e invisibiliza cos seus discursos a realidade de tanas mulleres”, afirmaba o manifesto, que remataba apuntando á responsabilidade das administracións públicas nesta materia. A continuación, varias rapazas do equipo de igualdade do instituto protagonizaron unha acción moi impactante e emotiva. Situadas no chan sobre unhas siluetas que representaban a diferentes vítimas da violencia de xénero, cada unha delas foi tomando a palabra para expor brevemente a historia de cada unha, de casos reais de vidas arrebatadas polo machismo.