O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, publicou recentemente nas súas redes sociais a gran preocupación pola veciñanza do municipio nestas últimas semanas, xa que a actual situación provocada pola segunda onda do Covid-19 motivou o confinamento e a coarentena xeneralizada por parte dunha gran cantidade de veciños da localidade, os cales están esperando os resultados das pertinentes probas despois de que mantiveran contacto con diferentes persoas infectadas.
Peche das diferentes zonas públicas do municipio
“Desexándolle a todos eles o mellor temos que ser precavidos, xa que a partir de mañá -8 de setembro- volveremos precintar os parques infantís, as pistas municipais, o palco e a Junquera, ademais de retomar a desinfección de rúas e entradas de establecementos con gran concorrencia de veciños” afirmaba o rexedor.
De feito, o alcalde quixo advertir a toda a veciñanza local do gran número de positivos por coronavirus atopados nas últimas semanas. “O que non sucedeu durante o confinamento xeral parece que o estamos a vivir nestes momentos. Por todo iso, e ante a continuación das xornadas laborais polo final do período estival e o inminente comezo do curso escolar, rógovos que extremedes as necesarias medidas de seguridade”, esixía Julio Ignacio Iglesias Redondo.