O alcalde de Ares, Julio Iglesias, solicitou o apoio da Deputación para levar a cabo obras de ampliación e mellora da rede xeral de abastecemento de auga no municipio. O rexedor explicou que os 200 mm de diámetro da rede actual resultan insuficientes para atender a elevada demanda que se produce, particularmente nos meses de verán, o que ocasiona problemas de suministro que son especialmente graves nas zonas máis altas do municipio.
Para dar solución a este problema, o Concello de Ares e Augas de Galicia traballan conxuntamente na redacción dun proxecto que permita tanto ampliar a capacidade da rede de abastecemento como o bombeo e dotarse de depósitos que permitan autorregular o cosumo, acumulando auga durante as horas de menor demanda.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso comprometeuse a estudar o proxecto técnico, unha vez rematado e cuantificado o importe do investimento, para estudar a posible participación da Deputación no confinanciamento, xunto ao Concello e Augas de Galicia, das obras que darían solución a este importante problema nun servizo esencial como é o subministro de auga potable.
Segunda fase da estrada Ares-Chanteiro
Na renunión mantida onte, Valentín González Formoso e Julio Iglesias Redondo abordaron tamén a situación das obras da segunda fase do proxecto de ampliación da estrada provincial DP 0402 de Ares a Chanteiro, que completará a mellora dos primeiros 3,6 quilómetros do vial rematada o pasado verán.
O presidente provincial informou ao alcalde de que, unha vez rematado o proceso de expropiación dos terreos afectados, no que a Deputación investiu 223.000 euros, o goberno provincial está pendente de autorizacións de outras administracións, concretamente de Augas de Galicia, para sacar as obras a licitación pública e comezar a actuar.
Os traballos dotarán a estrada de carrís de 3,5 metros e beirarrúas de 1,80 metros para mellorar a seguridade peonil, que partirán da rotonda de Chanteiro e chegarán ata o final da estrada. O orzamento das obras da segunda fase ascende a 663.037,41 euros.
Discussion about this post