Os maiores de 55 anos empadronados en Ares xa poden apuntarse nos tres obradoiros que se promoven dende a área de Servizos Sociais. Durante o curso 2022-2023, o edificio municipal de Servizos Sociais acollerá as sesións de lectoescritura todos os mércores ás 10:00 horas, traballando dúas habilidades intimamente conectadas coma son a lectura e a escritura, claves no desenvolvemento e expresión de ideas, pensamentos e sentimentos.
Tamén durante as tardes dos mércores organizarase no anexo municipal de maiores o obradoiro de risoterapia, de 17:00 a 18:30 horas, co que se realizarán múltiples técnicas que fomentan a produción de beneficios mentais e emocionais por medio da risa, liberando as tensións do corpo.
Coma terceira e última opción, haberá un obradoiro de memoria dividido en tres grupos, de cara a achegarse ás parroquias e aumentar o rango de actividade. O grupo de Ares realizará as súas sesións os luns, de 16:30 a 18:00 horas e de 18:00 a 19:30 horas. No caso de Cervás e Chanteiro será todos os xoves, de 16:00 a 17:30 horas. E en REDES está pendente de acadar o número mínimo de participantes para configurarse.
O prazo de inscrición para as tres programacións da área de Igualdade e Benestar estenderase ata o 30 de setembro. Para máis información, está dispoñible o número de teléfono 981 468 354 ou acudindo presencialmente ao edificio de Servizos Sociais municipal.