As nenas e nenos matriculados nas tres escolas infantís municipais da cidade, A Solaina, A Gándara e Piñeiros, regresarán a partir deste luns 7 de setembro ás aulas de xeito escalonado. Así o anunciou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que indicou que tras contactar a pasada semana con todas as familias, será mañá cando os menores que xa estaban matriculados nestes centros o pasado curso se incorporen progresivamente ás aulas por quendas.
Unha volta ás aulas escalonada
«Os primeiros días o horario será máis curto porque as nenas e nenos levan, pola situación excepcional derivada da Covid-19, sen acudir ás aulas dende o pasado 12 de marzo, o que supón un tempo moi longo que precisa dun período de adaptación tamén excepcional», indicou a edil naronesa.
O tempo que pasarán os menores nas aulas aumentará co paso dos días dun xeito gradual e a partir da vindeira semana is servizos habituais de comedor, con almorzo, xantar e merenda e o horario completo estarán dispoñibles.
Esta fase, coincidirá no tempo co momento da incorporación ás escolas infantís municipais das nenas e nenos que acuden por primeira vez e que tamén seguirán un proceso de incorporación paulatino e por quendas. A concelleira de Ensino recordou que, de media, cada unha das tres escolas infantís municipais terá 80 menores neste novo curso incorporaranse por primeira vez ás aulas un total de 112 nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.
Durante todo agosto o Concello mantivo reunións co persoal das escolas infantís municipais e do Speis para planificar a reapertura dos centros e a finais do mes pasado xa se incorporaron a totalidade dos equipos que integran as escolas: educadoras e persoal de servizos.