As comarcas perderon máis de 2.400 cotizantes no primeiro trimestre do ano

Ferrol foi a máis castigada das grandes urbes galegas, con máis dun 5% de perda na afiliación á Seguridade Social

Trala EPA publicada onte, os datos de afiliación á Seguridade Social do pasado mes de marzo coñecidos hoxe dan boa conta do efecto negativo que está a ter a crise do Covid-19 no mercado laboral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, o conxunto das comarcas perdeu no primeiro trimestre do ano 2.422 cotizantes e baixou ata os 57.350. Unha caída de máis dun 4% respecto a decembro de 2019.

Por comarcas, o Eume pasou de 8.526 afiliados a 8.201 (un 3,81% menos), Ferrol foi a máis afectada cunha caída dun 4,19%, de 47.686 a 45.687 e o Ortegal foi quen mellor amortiguou a crise e so reduxo as afiliacións nun 2,75%, de 3.560 a 3.462 cotizantes.

A cidade de Ferrol foi a máis castigada e, de feito, lidera a perda de afiliacións á Seguridade Social entre as sete grandes urbes galegas. No mes de decembro contaba con 18.555 cotizantes e pechou o pasado mes de marzo con 17.674 afiliados. Máis dun 4,7% de caída que se traduce en 881 cotizantes menos. Na comparativa interanual a perda de cotizantes é aínda máis fonda, 954 persoas menos (un -5,1%).

Outro dato que preocupa respecto á cidade de Ferrol é o da estrutura da poboación afiliada á Seguridade Social, que representa a relación entre os afiliados de entre 16 e 39 anos e os de máis de 40. Neste eixo, a Ferrol tamén ten a peor taxa das grandes ciudades galegas, cun índice de 237, é dicir, que por cada 100 cotizantes de menos de 40 anos hai 237 maiores desa idade.

Salir de la versión móvil