As praias de Ferrol rexistraron un total de 261 incidencias en pouco máis dun mes

6 destas intervencións foron rescates de bañistas, das que tres producíronse en Doniños, e o resto nos areais de Penencia, Esmelle e Covas

O dispositivo de seguridade que o Concello de Ferrol ten destacado nas praias durante a tempada de verán atendeu 261 incidencias dende que comezou a traballar, o sábado 27 de xuño, ata o pasado 31 de xullo. Seis das intervencións consistiron en rescates de persoas que se atopaban en apuros. Tres deles leváronos a cabo os socorristas de Doniños, e os outros correspondéronlles aos de Penencia, Esmelle e Covas.

Trátase de intervencións que se produciron, maioritariamente, durante as fins de semana: en tres ocasións foron en sábado, unha un domingo, outra un venres e outra máis un xoves. En canto ao resto das incidencias -255-, tratouse na maior parte dos casos de atencións a bañistas que presentaban picaduras de escarapote -133-, cortes  -56-,contusións -14- ou picaduras de insectos -11-.

Tamén foron atendidas nas casetas persoas con abrasións -10-, pinchazos -10-, outras feridas -7-, traumatismos -5-, area nos ollos -5-, afeccións provocadas por algas -2-, alerxias -1- ou lipotimias -1-. O areal onde se rexistraron máis foi o de Doniños -106-, seguido de San Xurxo -36-, Esmelle -31-, Caranza e Santa Comba -ambos con 21-, Covas -19- e Penencia -13-. Os dous nos que se produciron menos foron Ponzos -8- e A Graña -5-.

O servizo de salvamento nas praias ferrolás comezou a funcionar o sábado 27 de xuño. Tras a finalización de todas as probas de selección e para elixir un coordinador de praias e responsables de casetas, 45 socorristas do Concello de Ferrol foron os primeiros da comarca en comezar a traballar este ano. Antes da declaración do estado de alarma debido á Covid-19, estaba previsto que puideran facelo a mediados de mes, pero a situación de epidemia causou unha dilatación no inicio da selección de persoal.

Aínda así, o proceso levouse a cabo en tempo récord, de xeito que se conseguiu iniciar antes de que rematara xuño a vixilancia dos areais, un servizo que se estenderá ata finais de setembro, cando na maior parte dos municipios se cobren só xullo e agosto.

Máis tarde incorporáronse outros seis socorristas, cuxos salarios se sufragan en parte cunha subvención autonómica que este ano tamén sufriu un atraso por mor da pandemia. Deste xeito, en xullo púxose en marcha o servizo de salvamento nas praias do interior da ría: Caranza e A Graña.

Salir de la versión móvil