O concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras informou esta mañá de que a documentación para solicitar as axudas á escolarización e as becas de comedor pode presentarse de forma presencial e sen cita previa no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.
O prazo de entrega remata o próximo 8 de xullo, mentres que o resto de servizos continúan funcionando preferentemente de forma telemática ou mediante a solicitude de cita previa.
Axudas á escolarización
As axudas á escolarización están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino do municipio para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio.
A contía da axuda ascende a 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros, contando cunha subida de 7.000 euros máis en comparación co ano pasado.
Axudas comedor
En canto ás axudas comedoor para o próximo curso, o orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 280.000 euros, 12.000 euros máis que no anterior curso académico.
Os interesados poden consultar as bases no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ferrol, na dirección web https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios