O Equipo Roca da Garda Civil de Ferrol e o Posto da Garda Civil de San Sadurniño, procederon á detención de tres veciños das Pontes, As Somozas e San Sadurniño tras o esclarecemento de numerosos roubos con forza ocorridos en vivendas desabitadas, segundas residencias e naves industriais sen actividade laboral. Os obxectos subtraídos son principalmente maquinaria, ferramentas, efectos industriais relacionados coa mecánica e gasoil.
A investigación iniciouse o pasado 2015, despois de que a Garda Civil comezase a recibir denuncias sobre os distintos roubos nas Pontes, As Somozas e San Sadurniño. En febreiro do ano en curso, finalmente púidose identificar os tres presuntos autores dos feitos e recuperar gran parte dos efectos subtraídos, non podéndose entregar aos seus lexítimos donos ata o de agora debido a que en marzo se decretou o Estado de Alarma.
Os detidos entregaron de maneira voluntaria os efectos subtraídos á Garda Civil e a meirande parte deles foron entregados aos seus propietarios. Tamén entregaron os obxectos que utilizaban para ocultarse mentres cometían os actos ilícitos referidos. Un dos ladrós tiña o botín repartido en catro locais distintos das Pontes e Somozas, incluíndo varios pares de luvas e tres pasamontañas que utilizaba para perpetrar os roubos.
Sospéitase que fosen máis de 13 roubos e que non se denunciaron, xa que os presuntos autores dos feitos entregaron algúns obxectos que non foron identificados por todos os denunciantes.