Aínda que a simple vista a curva de novos contaxiados por coronavirus nas comarcas de Ferrolterra comeza a estabilizarse, o número de contaxios non deixa de crecer. Segundo os datos actualizados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, na área sanitaria de Ferrol contabilízanse un total de 149 positivos, 5 máis ca onte.
Destes 149 pacientes, 144 permanecen nos seus respectivos domicilios e 5 tiveron que ser ingresados en unidades de hospitalización, polo que nas últimas 24 horas un infectado tivo que ser atendido debido ao empeoramento da súa sintomatoloxía.
9 pacientes curados e 16 novos positivos
En total, contabilízanse 647 casos detectados ata o momento, é dicir, nove pacientes superaron o virus nas últimas 24 horas, polo que segundo as últimas cifras hai un total de 16 positivos máis, sendo 11 tras as dúas altas confirmadas.
Estes números non se acadaban desde antes da desescalada. Habería que remontarse ata primeiros de maio, aínda en pleno Estado de Alarma, para atopar cifras similares. Desde que o Sergas ofreceu oficialmente rexistros de casos activos na área de Ferrol, que foi o 29 de abril, o máximo acadado foi de 159 pacientes contaxiados por Covid, tan só 10 contaxiados máis que ata os presentes datos oficiais.
Actualmente a meirande parte dos gromos están controlados e cada vez son máis os casos illados que apenas presentan sintomatoloxía, aínda que están a xurdir diversas críticas sobre os rastrexadores que pon en funcionamento a Xunta de Galicia.
Aínda así, é máis necesario que nunca adoptar as diferentes medidas de prevención do virus para evitar que o número de contaxiados siga esta curva ascendente evitando calquera posible colapso sanitario, e máis tendo en conta a volta ás aulas cada vez máis preto.