Catro concellos de Ferrolterra e un de Eume entrarán a formar parte do Inicia V

Este programa de inserción laboral dirixido á mocidade galega contará coa participación dos municipios de Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas

Os concellos de Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas levarán a cabo a partir do 15 de setembro a quinta edición do proxecto formativo e de inserción laboral Inicia, dirixido a mocidade desempregada que queira mellorar as súas competencias de cara á súa integración no mercado laboral.  Ofértanse 16 contratos de aprendizaxe para outras tantas mozas e mozos inscritos no programa de Garantía Xuvenil, pero tamén catro postos temporais para a dirección e a docencia do obradoiro.

Os concellos participantes xa están contactando coas persoas preseleccionadas para que acheguen antes das 23.59h. do 19 de agosto a súa solicitude formal para participar nas probas e tamén a documentación acreditativa dos méritos que se han valorar. O trámite ten que facerse no Rexistro Municipal de Fene -con cita previa-, a través da Sede Electrónica ou por calquera das vías previstas na Lei de Procedemento Administrativo Común.

Inicia V

O Inicia V comezará o 15 de setembro até o 14 de setembro de 2021 combinando a formación teórica e práctica. De novo volve ofertarse o curso de nivel 2 de fábrica e montaxe de instalación de tubaxes industriais, para o que se esixe, no caso do alumnado aspirante, ter inscrición no programa de Garantía Xuvenil, ser maior de 18 anos e contar con estudos de ESO ou equivalentes.

Para o conxunto dos cinco concellos participantes ofértanse 16 prazas temporais: 7 para mozos e mozas empadroadas en Fene, 3 para Ares, outras 3 para Mugardos, 2 para Neda e 1 para Cabanas. Porén, o programa tamén precisará contratar catro perfís especializados que se encarguen da coordinación e de impartir as materias teóricas e prácticas. Así seleccionaranse dúas persoas a tempo completo -unha para dirixir o obradoiro e outra que imparta os contidos do certificado de profesionalidade- e dúas a media xornada, que se encargarán do ensino básico e da formación empresarial.

Proceso selectivo

Para cubrir todos estes postos solicitóuselle ao Servizo de Emprego Público de Galicia un listado de aspirantes que reunan os requisitos establecidos nas bases, que poden consultarse e descargarse da web fene.gal. O proceso selectivo farase mediante concurso, cunha parte que valorará os méritos e outra consistente nunha entrevista co tribunal cualificador, formado polos técnicos de emprego de Fene, Ares e Mugardos.

Os concellos participantes no Inicia V xa empezaron a facer os chamamentos ás persoas que figuran no listado remitido polo SPEG -un mínimo de tres por cada posto ofertado- para informarlles da necesidade de presentaren a solicitude formal para participar no proceso de selección e a documentación acreditativa dos méritos. A instancia -dispoñible como anexo nas bases- ha de acompañarse dunha copia do documento de identidade, a copia da tarxeta de demandante de emprego e a copia da tarxeta da seguridade social, xunto cos documentos que avalen os criterios valorables en cada caso.

Toda esa documentación deberá achegarse antes das 23.59h. do día 19 de agosto ao Rexistro Municipal de Fene, xa sexa de maneira presencial, a través da Sede Electrónica ou por calquera outra vía admitida na normativa sobre o procedemento administrativo común. No caso de presentacións en persoa será obrigatorio solicitar cita previa nos teléfonos 981 061 034 – 671 508 166, en citaprevia@fene.gal ou a través desta ligazón.

 

Salir de la versión móvil