A concellería de Benestar Social, dirixida por Eva Martínez Montero, vén de formalizar na última semana nove novos convenios con entidades sociais da cidade por un importe total de 43.000 euros. En concreto as nove institucións son a Asociación Ex Alcohólicos de Ferrolterr -9.000 euros-, Dignidad -8.000 euros-, Secretariado Gitano -3.000-, Cogami -9.000-, Aspanaes -5.000 euros-, Manos Unidas -1.000-, Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal -3.000-, Aspanemi -1.000-, e Banco de alimentos Rías Altas -4.000 euros-.
En total, 43.000 euros repartidos entre outras nove entidades. A estes nove convenios firmados na última semana súmanse os outros nove que a concelleira xa formalizou a comezos do pasado mes de agosto: Acción Familiar -3.000 euros-, Asotrame -2.000-, Alcer -6.000-, Aspace -1.500-, Ategal -1.000-, Fundación Adra -3.000-, Asociación Española contra Cancro -4.000-, Agademo -1.200- e Fundación Meniños -1.000-.
Outros seis acordos de máis de 10.000 euros
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, está a firmar no salón de plenos do pazo municipal os convenios con entidades sociais que superan os 10.000 euros de subvención. Nos últimos días rubricou acordos de colaboración con Cáritas, por un importe de 50.000 euros, Aspaneps -40.000 euros-, Teima Down Ferrol -35.000-, ASCM -18.000-, Asfedro -17.000- e a Asociacións Párkinson Ferrol -12.000-.
Esta mesma semana firmará outro coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, de 27.000 euros. En total, o Concello xa firmou 24 das 42 subvencións nominativas aprobadas para este ano no pleno de finais de abril, cuxo importe total ascende a 357.400 euros.