Cando a arte e a hostalería mestúranse

A Cafetería Sevilla de Ferrol leva seis anos amosando nas súas paredes diferentes cadros ao nivel dun museo de arte. O seu último artista, Youness Drafate, pretende traer á cidade unha iniciativa cultural
IMG_20200810_200907

A arte ás veces é difícil de comprender, e ás outras o seu acceso non é doado. Antigamente era un mundo moi hermético e complexo á hora de explorar, xa que só pertencía as élites e moitas persoas non se podían permitir o «luxo» de desfrutar del. Porén, agora acontece todo o contrario, a arte está cada vez máis préto de nós, pero non somos capaces de botar unha ollada máis aló das nosas pantallas luminosas, e cústanos unha barbaridade intentar entender o que para uns é unha especie de terapia visual.

O bar Sevilla de Ferrol, situado na rúa Galiano, é un dos poucos locais hosteleiros que, a maiores de servir consumicións, son capaces tamén de amosar no seu interior múltiples obras de arte que non pasan desapercibidas, mutando as súas paredes á par que cada pintor deixa a súa pegada artística.

A cafetería Sevilla: arte en barra

A dona do local, Helga, é unha apaixonada do arte e como tal levou a súa afección ao seu entorno laboral: «Fai coma seis anos que abrimos o noso local e dende o primeiro día comezamos coas exposicións. A nosa idea inicial era decorar a cafetería cunhas vidrieiras de cores que ía colocar un amigo, pero houbo  complicacións a última hora», lembraba sentada nalgunha mesa da súa terraza mentres non despegada a ollada dalgún novo cliente.

E, como moitas outras cousas na vida, aquilo que non se prepara senón que xurde de non se sabe moi ben onde, convértese nunha idea maravillosa e inigualable: «Porén, o noso amigo tamén pintaba cadros e para solucionar o problema da decoración aproveitamos esa faceta oculta para expoñer algunhas das súas obras, e desde aquela ata agora”, afirmaba Helga, descubrindo que unha das pinceladas de orixinalidade do seu local xurdiu como por arte de maxia.

Youness Drafate: o último artista cunha infinidade de soños

«Eu son de Marruecos, máis concretamente de Marrakech, e dende moi pequeno tiven a sorte de contar cuns pais moi liberais deixándome estudar o que quería. Porén, comecei estudando dereito e máis tarde decanteime pola filoloxía francesa, aínda que o arte sempre tivo un oco moi importante na miña vida», definíase a grandes liñas Youness, o cal unha relación amorosa levouno a desembarcar en Ferrol, aínda que non sería na cidade naval onde comezaría a súa andaina artística.

«Fai 12 anos trasladeime a Ferrol, e xusto coincidiu coa grave crise económica polo que, pouco máis tarde, decanteime por viaxar a París cuns amigos e comezar alí a miña verdadeira paixón, a pintura”. Foi exactamente en 2012 cando Youness colleu un voo directo á capital francesa, onde terminou aloxado nun edificio de catro plantas, cada un dedicado a unha arte diferente: a pintura, o baile, o teatro e a música. E como non podía ser de outra maneira, o barrio onde el se estableceu foi o famoso barrio dos artistas, Montmartre.

Unha nova iniciativa artística en Ferrol

«Posteriormente volvín a Ferrol pero xa en 2013 mudeime a Bruselas nun barrio multicultural. Alí xunto con case 80 artistas levamos unha iniciativa a cabo, que foi levar a nosa paixón pola arte ás rúas. Falamos co Concello e non o dubidaron un intre», e dun día para outro estaban a transmitir o que máis lles entusiasma a escasos metros dos viandantes: «Non é tanto gañar diñeiro, senón mostrarlle a arte á xente, é como unha especie de terapia», e razón non lle falta.

«A idea triunfou e a xente estaba entusiasmada, e estou convencido de que en Ferrol tamén tería unha aceptación moi parecida», afirmaba Youness mentres amosaba a súa colección de cadros aínda por desvelar ó mundo, intentándolle dar unha pouca de cor, algo moi necesario nos tempos que corren.

«Xa contactei con algún membro do concello para explicarles a iniciativa, e polo momento rexeitáronna pola actual crise sanitaria que estamos a vivir, pero creo que un proxecto coma este non debería caer no esquecemento, de feito xa hai tres artistas entusiasmados coa proposta», terminaba comentando Youness á vez que pechaba o seu caderno de garabatos e debuxos a medio facer, pero que máis pronto que tarde verán a luz unha vez completados, así como o seu soño de sementar arte nas rúas de Ferrol.

Para contactar co artista pódese visitar o Facebook persoal de Youness Drafate no seguinte ligazón: https://www.facebook.com/younesssmile

Publicidad
Xeoparque Cabo Ortegal
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.