Cando a arte e a hostalería mestúranse

A Cafetería Sevilla de Ferrol leva seis anos amosando nas súas paredes diferentes cadros ao nivel dun museo de arte. O seu último artista, Youness Drafate, pretende traer á cidade unha iniciativa cultural

A arte ás veces é difícil de comprender, e ás outras o seu acceso non é doado. Antigamente era un mundo moi hermético e complexo á hora de explorar, xa que só pertencía as élites e moitas persoas non se podían permitir o “luxo” de desfrutar del. Porén, agora acontece todo o contrario, a arte está cada vez máis préto de nós, pero non somos capaces de botar unha ollada máis aló das nosas pantallas luminosas, e cústanos unha barbaridade intentar entender o que para uns é unha especie de terapia visual.

O bar Sevilla de Ferrol, situado na rúa Galiano, é un dos poucos locais hosteleiros que, a maiores de servir consumicións, son capaces tamén de amosar no seu interior múltiples obras de arte que non pasan desapercibidas, mutando as súas paredes á par que cada pintor deixa a súa pegada artística.

A cafetería Sevilla: arte en barra

A dona do local, Helga, é unha apaixonada do arte e como tal levou a súa afección ao seu entorno laboral: “Fai coma seis anos que abrimos o noso local e dende o primeiro día comezamos coas exposicións. A nosa idea inicial era decorar a cafetería cunhas vidrieiras de cores que ía colocar un amigo, pero houbo  complicacións a última hora”, lembraba sentada nalgunha mesa da súa terraza mentres non despegada a ollada dalgún novo cliente.

E, como moitas outras cousas na vida, aquilo que non se prepara senón que xurde de non se sabe moi ben onde, convértese nunha idea maravillosa e inigualable: “Porén, o noso amigo tamén pintaba cadros e para solucionar o problema da decoración aproveitamos esa faceta oculta para expoñer algunhas das súas obras, e desde aquela ata agora”, afirmaba Helga, descubrindo que unha das pinceladas de orixinalidade do seu local xurdiu como por arte de maxia.

Youness Drafate: o último artista cunha infinidade de soños

“Eu son de Marruecos, máis concretamente de Marrakech, e dende moi pequeno tiven a sorte de contar cuns pais moi liberais deixándome estudar o que quería. Porén, comecei estudando dereito e máis tarde decanteime pola filoloxía francesa, aínda que o arte sempre tivo un oco moi importante na miña vida”, definíase a grandes liñas Youness, o cal unha relación amorosa levouno a desembarcar en Ferrol, aínda que non sería na cidade naval onde comezaría a súa andaina artística.

“Fai 12 anos trasladeime a Ferrol, e xusto coincidiu coa grave crise económica polo que, pouco máis tarde, decanteime por viaxar a París cuns amigos e comezar alí a miña verdadeira paixón, a pintura”. Foi exactamente en 2012 cando Youness colleu un voo directo á capital francesa, onde terminou aloxado nun edificio de catro plantas, cada un dedicado a unha arte diferente: a pintura, o baile, o teatro e a música. E como non podía ser de outra maneira, o barrio onde el se estableceu foi o famoso barrio dos artistas, Montmartre.

Unha nova iniciativa artística en Ferrol

“Posteriormente volvín a Ferrol pero xa en 2013 mudeime a Bruselas nun barrio multicultural. Alí xunto con case 80 artistas levamos unha iniciativa a cabo, que foi levar a nosa paixón pola arte ás rúas. Falamos co Concello e non o dubidaron un intre”, e dun día para outro estaban a transmitir o que máis lles entusiasma a escasos metros dos viandantes: “Non é tanto gañar diñeiro, senón mostrarlle a arte á xente, é como unha especie de terapia”, e razón non lle falta.

“A idea triunfou e a xente estaba entusiasmada, e estou convencido de que en Ferrol tamén tería unha aceptación moi parecida”, afirmaba Youness mentres amosaba a súa colección de cadros aínda por desvelar ó mundo, intentándolle dar unha pouca de cor, algo moi necesario nos tempos que corren.

“Xa contactei con algún membro do concello para explicarles a iniciativa, e polo momento rexeitáronna pola actual crise sanitaria que estamos a vivir, pero creo que un proxecto coma este non debería caer no esquecemento, de feito xa hai tres artistas entusiasmados coa proposta”, terminaba comentando Youness á vez que pechaba o seu caderno de garabatos e debuxos a medio facer, pero que máis pronto que tarde verán a luz unha vez completados, así como o seu soño de sementar arte nas rúas de Ferrol.

Para contactar co artista pódese visitar o Facebook persoal de Youness Drafate no seguinte ligazón: https://www.facebook.com/younesssmile

Salir de la versión móvil