O Concello de Cedeira acaba de asinar convenios de colaboración cun total de nove entidades locais por un importe conxunto de 69.300 euros.
Son a Asociación Ecuestre A Crina -3.500 euros-, a Asociación Benestar Animal Cedeira -8.000 euros-, a Asociación de Padres e Amigos de Deficientes Mentales de la Escuela de Régoa -10.000 euros-, a Asamblea Local da Cruz Vermella -3.800 euros-, a Asociación Mares de Cedeira -10.000 euros-, a Asociación Sobre Rodas -6.000 euros-, a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira -5.000 euros-, a Agrupación de Voluntarios Protección Civil -18.000 euros- e a Asociación de Pais e Nais do CEIP Nicolás del Río -5.000 euros-.
O obxectivo destas colaboracións é desde impulsar actividades relacionadas co mundo do cabalo ata promover a tenencia responsable de animais de compañía, pasando por contribuír á protección, atención e formación de persoas con alguna discapacidade psíquica, por garantir a cobertura de eventos, pola divulgación da cultura mariña e da música, así como por fomentar as actividades escolares e apostar pola eliminación das barreiras arquitectónicas, segundo pon de manifesto o goberno municipal.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou o importante papel que xogan as entidades na vida da localidade, e máis se cabe nun ano tan difícil coma este. Explicou o compromiso do executivo municipal en seguir a apoiar e potenciar o labor social, cultural e educativo que desenvolven as asociacións, «nas que depositamos a nosa axuda e o noso compromiso para que as cousas funcionen», afirmou.
Considera así mesmo o rexedor municipal que «para nós traballar cóbado o cóbado coas asociacións de Cedeira é moi importante e algo no que cremos firmemente» porque, segundo subliñou, «é o noso patrimonio e a nosa xente, a que voluntaria e desinteresadamente están a traballar polo benestar dos demais».