O Concello de Cedeira saca a licitación a obra que dotará de saneamento á veciñanza de Vilacacín e o proxecto que optimizará o funcionamento da rede que está a dar servizo nas rúas da Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e travesía da Praia, incluídos no POS+2019. O importe das dúas intervencións ascende a 268.736,8 euros e as empresas interesadas tanto en facerse cargo dunha como das dúas obras teñen ata o día 24 do presente mes para presentar ofertas. O prazo de execución é de cinco meses.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a importancia deste novo esforzo para estender a rede de saneamento a lugares que agora carecen del e contribuir a mellorar o servizo dunha das zonas máis densamente poboadas da vila.
A actuación que afectará ao núcleo urbano de Vilacacín consistirá na instalación de canalizacións, que discorrerán ao longo de 639,25 metros, e na entrada en funcionamento de 21 pozos de rexistro para dar servizo a un conxunto de 25 vivendas. Toda a actuación levarase a cabo por vías de competencia municipal e na súa contorna atópanse bens patrimoniais como casas do século XVII, un hórreo e mesmo a igrexa parroquial de Santa María, que necesitarán medidas de especial protección. Esta obra sae a contratación pola cantidade e 76.929, 72 euros.
Pola súa banda, o proxecto que afectará ás rúas da Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e travesía da Praia obedece á necesidade de mellorar o funcionamento do servizo da rede que está a ocasionar problemas por atascos debido á capacidade e antigüidade das tubaxes de fibrocemento e á falta de canalizacións específicas para a recollida das augas pluviais dos edificios. A contía desta licitación ascende a 191.809, 08 euros.
Campaña «A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa»
O Concello de Cedeira mantén activa a campaña de información sobre a importancia dun uso responsable da rede de sumidoiros na calidade ambiental na ría. Esta iniciativa deu lugar onte luns 31 de agosto á sinalización dalgúns dos sumidoiros situados nas zonas peonís e concorridas con placas informativas co fin de recordar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa” é o lema desta campaña.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, sumouse a esta acción coa colocación dunha placa no rexistro situado na praza do Concello. No acto estivo acompañado da técnica de Medio Ambiente, Ana Piñeiro, e dun traballador municipal.
Desde o executivo local considérase fundamental recordar sempre que o lixo que non se deposita correctamente ten moitas probabilidades de chegar ao mar e acabar nas praias, e lembran que xestos habituais como verter a auga dos fregados ou tirar ao chan cabichas, envoltorios e outros residuos teñen consecuencias negativas no medio ambiente.