Cedeira renova a parte vella da biblioteca municipal López Cortón

Investíronse uns 8.000 euros na compra de mesas e cadeiras, e no saneamento e colocación de nova tarima
biblioteca5

O Concello de Cedeira acaba de renovar o mobiliario da parte vella da biblioteca municipal López Cortón. Segundo informou o concelleiro de Facenda, Servizos Económicos, Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez, investíronse uns 8.000 euros na posta ao día tanto do chan como das mesas e as cadeiras, nunha actuación que fará máis confortable para as persoas usuarias a sala de lectura.

A actuación incluíu o saneamento do vello solo de madeira, que estaba afectado pola couza, e a instalación doutra tarima nova por enriba. Substituíronse tamén as antigas mesas e cadeiras por outras máis cómodas e cun estilo en concordancia coa sala. Manuel Martínez apuntou a importancia de manter nas mellores condicións a biblioteca municipal de Cedeira, cuxa creación data de 1978, e que ocupa un edificio noble no casco vello da vila. Subliñou tamén que a biblioteca mantén activo o sistema de préstamo e a sala de lectura, coas correspondentes medidas de prevención pola crise sanitaria.

Como se recordará, o Concello de Cedeira abordou a finais do ano 2017 unha importante obra de mellora na biblioteca López Cortón, que incluíu a adecuación da súa accesibilidade, coa instalación dun ascensor, e a súa ampliación nun edificio colindante adquirido pola administración local. Acometéronse tamén outras melloras, entre as que estivo a pintura da imaxe de Rosalía de Castro e uns versos do seu poema “Follas Novas” na fachada, unha intervención que contribuiu tamén a poñer en valor o propio edificio e o casco vello cedeirés.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.