“Por nacer aquí e por loitar e romper moldes e barreiras para dedicarse a súa paixón, a música, ata convertela no seu éxito de vida”. Son só algúns dos razoamentos utilizados pola Asociación Amas de Casa de Cedeira para concederlle o premio Muller da Vila á cantante Guadi Galego.
Lucía Villar –patroa maior da Confraría- e Tucha Rodríguez -coñecida pola súa loita contra a droga- foron as anteriores homenaxeadas cun premio que naceu con motivo do 8 de marzo pero que ten a mirada posta nas mulleres da localidade que, co seu traballo e dedicación, contribúen ou contribuíron a facer de Cedeira o que agora é.
A entrega do premio a Guadi Galego será o día 14 de marzo no transcurso dunha comida que terá lugar no restaurante Badulaque e que está aberta á participación das persoas que desexen sumarse á homenaxe público a unha veciña “que se inspira en Cedeira para falar, a través das letras das súas cancións, de mulleres loitadoras, matriarcas, activistas, amorosas e poderosas”. A asistencia suporá un gasto de 20 euros para as socias e de 23 para o público en xeral. Os interesados xa poden chamar ao número 649 703 998. As prazas son limitadas.
O goberno de Cedeira aplaude a decisión e felicita a Guadi Galego por “este máis que merecido galardón, polo seu compromiso coa música, a cultura, o idioma galega, pola súa loita a prol da igualdade e por ser a mellor embaixadora de Cedeira”.
A artista tamén recibirá esta semana en Madrid o premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. Os gobernos de Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Baleares entregaranlle o galardón polo seu último traballo discográfico multilingüe “Immersion”, integrado por músicas cantadas en sete linguas peninsulares.
Guadi Galego (Cedeira, 1974) iniciouse no mundo da música como gaiteira, pianista e vocalista do grupo Berrogüeto. A súa carreira en solitario comezou no 2009 co o seu primeiro traballo discográfico, chamado “Benzón”. Terían que pasar cinco anos ata a volta de Guadi Galego ao mercado discográfico con “Lúas de outubro” e case seis ata “Inmersión”, que consiste nunha reinterpretación da súa propia música.