Unha conferencia sobre Martín Sarmiento, o Pai Sarmiento, e a obra de teatro ‘Continente María’ sucederanse maná venres e o sábado na axenda cultural de Cedeira. O Museo Mares acolle a primeira das actividades, promovida pola biblioteca do CEIP Nicolás do Río ao fío do proxecto interxeracional ‘Naturalmente, aprendendo!’. Trátase de impulsar o coñecemento da flora e a fauna máis próxima, un traballo no que se encadra esta charla que mañá pronunciará o mestre xubilado do propio centro Rafael López Loureiro.
López Loureiro, autor do blog Ao noroeste do Noroeste, falará na súa conferencia sobre Martín Sarmiento (1695-1772), monxe benedictino e home ilustrado, moi interesado pola botánica e a menciña entre outros saberes. A charla, que leva por título ‘Martín Sarmiento… o primeiro naturalista?’, comezará ás 19.30 horas no museo. A representación comezará ás 20.30 horas e as entradas teñen un prezo de 3,5 euros. Pódense reservar anticipadamente ata mañá venres ás 14.00 a través de WhatsApp, no número 649 876 614, ou ben mercalas en taquilla desde unha hora antes do inicio da función.
Xa o sábado, o Auditorio Municipal acollerá unha das pezas teatrais máis celebradas do último ano na escena galega. ‘Continente María’ é o título dunha obra na que se establece un diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. A actriz Melania Cruz interpreta á dramaturga nesta montaxe que recolle a retranca, o humor e a musicalidade que ela desprendía nas súas entrevistas e escritos. Baixo a dirección de Tito Asorey, a peza evoca á actriz extraordinaria que foi María Casares e tamén a súa dimensión humana, como unha muller entregada á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio.