O Concello de Cedeira, Abanca e Afundación presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». A acto de apertura terá lugar mañá xoves 22 de outubro, ás 12.30 horas, na Sala de Exposicións do Palacete Municipal de Cedeira, e contará coa asistencia de Pablo Moreda, alcalde de Cedeira; Ermitas García, responsable de Cultura do Concello de Cedeira; José Manuel Vilariño, responsable Banca Institucional A Coruña Abanca; Verónica Rego, responsable Afundación Zona Ferrol; e Cristina Herva Iglesias, directora da oficina de Abanca en Cedeira.
A exposición recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Poderase visitar ata o vindeiro 22 de novembro, no mes de outubro de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas (os luns, pechado pola tarde) e sábados de 11.00 a 14.00 horas. No mes de novembro o horario será de luns a venres de 09.00 a 14.00 h e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.
Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.