As Pontigas contará cun novo tratamento das súas augas residuais

O Concello de Cedeira invertirá un total de 80.000 euros no proxecto para mellorar a calidade de vida da veciñanza

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar o proxecto de saneamento que dará servizo aos 120 habitantes do lugar das Pontigas, unha intervención moi valorada polo equipo de goberno, xa que o correcto tratamento das augas resiudais mellorará considerablemente a calidade de vida da veciñanza. O orzamento necesario para levar a cabo dita obra é de 80.000 euros.

Na actualidade, as casas veñen utilizando foxas sépticas. Urespa Proyectos y Obras SL é a empresa contratada executar o proxecto de cinco meses e que se desenvolverá desde a saída do núcleo urbano de Cedeira cara a San Andrés de Teixido.

O proxecto dará lugar á colocación dunha rede de case 800 metros de lonxitude e á construción dun total de 21 pozos de rexistro para garantir a recollida e o transporte das augas residuais desde as vivendas ata o sistema de depuración. Este será de fitodepuración en balsa húmida, cuxa principal característica é o tratamento das augas residuais a base de plantas acuáticas con capacidade para procesar e sintetizar os residuos e materias orgánicas que previamente serán sometidos a procesos de decantación, clarificación e filtros biolóxicos nunha foxa séptica. A que entrará en servizo nas Pontigas terá capacidade para acoller 35.000 litros. Esta cantidade garante o tratamento diario de 300 litros por habitante.

Salir de la versión móvil