Cedeira adquire 12 guindastres para facilitar o servizo de axuda no fogar

Invertíronse un total de 9.900 euros para comprar estes equipos útiles tanto para a comodidade das persoas que o precisan como para previr lesións laborais

Cedeira acaba de adquirir un total de 12 guindastres ortopédicos para proporcionar comodidade a aquelas persoas enfermas con problemas de mobilidade e facilitar así mesmo o traballo ao persoal de axuda a domicilio.

Esta acción de goberno supuxo un desembolso de 9.900 euros e o subministro do material correrá a cargo da empresa Coloro SL, adxudicataria do contrato. Trátase duns equipos moi útiles para o traslado de enfermos con dificultades de mobilidade, xa que permiten levantar e desprazar ás persoas dependentes practicamente sen esforzo e sen facerlles dano.

O seu uso tamén contribúe a mellorar a saúde e prever lesións no lombo dos traballadores. Este novo material súmase ás 17 camas xeriátricas que o Concello foi adquirindo nos últimos tres anos para  ceder gratuitamente ás persoas e familias que as necesitan pero que non dispoñen de recursos para adquirilas.

Desde o Concello destácase o esforzo, tanto económico como de recursos, que se está a levar a cabo para dar unha prestación de calidade aos usuarios e usuarias do Servizo de Atención de Axuda no Fogar, atendendo as necesidades individuais de cada un dos enfermos.

Salir de la versión móvil