Cedeira amosa os fermosos lugares que conforman o municipio mediante o programa “Descobre Cedeira”

Esta iniciativa está formada por tres roteiros cos que poder visitar os sitios máis espectaculares da contorna local

“Descobre Cedeira” é o lema do programa de visitas guiadas que a administración local ofrece a quen queira coñecer mellor un municipio con lugares de interese etnográfico, cultural e paisaxístico. Roteiro dos Tesouros, Roteiro de Santo André de Teixido e Roteiro da Vila son os nomes que serven para identificar tres percorridos con características moi diferentes.

Así, mentres que o primeiro vai do paseo marítimo ao faro da Robaleira, o segundo achega os visitantes á Galicia máis tradicional e salvaxe. O terceiro, pola súa banda, toma como referencia o casco vello da vila para pasear ata a capela de San Antón, o xacemento arqueolóxico do Sarridal e mesmo o castelo da Concepción.

A programación, que deu comezo na primeira quincena de xullo, prolongarase ata o día 17 de setembro. As persoas interesadas deben dirixirse á oficina municipal de Turismo -981 482 187-  ou
ben mandar un correo electrónico á seguinte dirección: mar.lópez@cedeira.es.

A participación é gratuíta e a dificultade dos desprazamentos -todos a pé- entre baixa e media. As distancias a percorrer oscilan entre os 18 quilómetros -ida e volta a San Andrés- e os 6 ou 7 das outras dúas saídas. Os roteiros comezan ás 10.00 horas.

As saídas do Roteiro dos Tesouros están previstas para os días 28 de xullo, 11 e 25 de agosto e 8 de setembro. Pola súa banda, as que levarán aos viaxeiros ata o santuario de Santo André serán os días 30 de xullo, 6, 13, 20 e 27 de agosto e 3, 10 e 17 de setembro. O Roteiro Vila de Cedeira terá lugar os días 4 e 18 de agosto e 1 e 15 de setembro.

Salir de la versión móvil