Cedeira aproba por unanimidade os proxectos dos orzamentos participativos e do CLIA con iniciativas para a mocidade e o espazo público

O pleno dá luz verde a propostas de mellora de praias, actividades culturais e accións xuvenís cun investimento conxunto de máis de 25.000 euros
Imaxe do pleno da corporación municipal de Cedeira | Concello de Cedeira
Imaxe do pleno da corporación municipal de Cedeira | Concello de Cedeira

O pleno da corporación municipal de Cedeira aprobou por unanimidade os proxectos seleccionados tanto nos sextos Orzamentos Participativos como no Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) “Ondiñas en A Vila”, que suman un investimento total de arredor de 25.000 euros.

As iniciativas inclúen actuacións de mellora en espazos públicos, actividades culturais e propostas impulsadas directamente pola mocidade do municipio, consolidando un modelo de participación cidadá que leva anos implantado no concello.

Melloras en praias, cultura e turismo activo

No marco dos Orzamentos Participativos executaranse tres propostas principais: a limpeza e mellora do acceso á praia das Sonreiras, a posta en marcha dun programa de turismo activo e a organización dun ciclo de cine na rúa.

Estas actuacións contan cun orzamento global de 20.000 euros e buscan tanto mellorar o uso dos espazos naturais como ampliar a oferta cultural e de lecer no municipio.

Propostas da mocidade: deporte e arte urbana

O CLIA “Ondiñas en A Vila” levou ao pleno dúas iniciativas elaboradas por alumnado de centros educativos locais. Por unha banda, organizarase unha xornada multideporte na que se poderán practicar disciplinas como datchball, petanca, baloncesto ou futbolín, cun investimento de 1.300 euros.

Por outra, desenvolverase un mural colaborativo nunha parede próxima ás pistas de pádel, baixo a dirección do viñetista e muralista Luis Davila, cun orzamento de 4.465 euros.

Un modelo de participación consolidado

Durante a sesión plenaria, os estudantes que participaron nos proxectos destacaron a importancia de que as súas propostas sexan escoitadas e levadas a cabo, subliñando o valor do proceso de aprendizaxe que supón debater e priorizar necesidades colectivas.

Imaxe do pleno da corporación municipal de Cedeira | Concello de Cedeira

Desde o goberno local salientouse que estes programas forman parte dunha estratexia municipal centrada na participación da infancia e da mocidade, permitindo que contribúan activamente á mellora do municipio. Tanto os Orzamentos Participativos como o CLIA “Ondiñas en A Vila” forman parte dunha política municipal que aposta pola implicación directa da cidadanía máis nova na toma de decisións públicas.

Cedeira integra, ademais, a rede de Cidades Amigas da Infancia, reforzando así o seu compromiso coa participación, a educación cívica e a creación de espazos de decisión compartida.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.