Cedeira avanza no seu primeiro Plan de Igualdade

O proxecto vaise elaborar a través dunhas mesas de traballo participativas e dunha comisión

O goberno de Cedeira impulsa un Plan de Igualdade que estará activo este mesmo ano, co obxectivo de que “a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa real no municipio de Cedeira”, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude, Carmen Prieto.

O proxecto, que estará vixente ata o ano 2024, dará lugar a un proceso participativo no que tomarán parte desde cargos políticos e persoal técnico municipal ata o tecido social e a comunidade educativa da localidade. A creación dunha comisión de Igualdade e a constitución de tres mesas de traballo forman parte da metodoloxía deseñada pola cooperativa Arabías –adxudicataria do proxecto- para a elaboración deste plan, que vai recoller tanto a diagnose das necesidades como as propostas de acción, “para saber de onde partimos en materia de igualdade e darlles solucións a todas aquelas cuestións que nos podamos atopar”, apuntou a concelleira.

Carmela Prieto destacou esta acción de goberno por considerar que “é revelante coñecer a realidade que existe en Cedeira en cuestións de igualdade, tanto a nivel interno como cara á veciñanza”. Arabías é unha cooperativa de traballo asociado especializada en deseñar e dinamizar procesos de investigación-acción que teñan como finalidade a transformación social.

Salir de la versión móvil