A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión das subvencións deste ano 2020 para investimentos, por un lado, e para programas e actividades das asociacións do eido sociocultural da vila, por outro. Son dúas convocatorias diferentes que se traducen este ano en axudas por valor de preto de 9.500 euros cuxa finalidade é, segundo recordou o alcalde, Pablo Moreda, apoiar ao tecido asociativo do municipio e facilitarlle a realización das súas iniciativas, que contribúen a dinamizar e enriquecer a vida social e cultural de Cedeira.
A convocatoria tivo nesta ocasión menos solicitudes do habitual debido ás circunstancias da crise sanitaria. Desde o goberno local, o alcalde expresou a súa confianza en que o ano que vén as asociacións locais van superar as dificultades e voltarán de novo a desenvolver as súas propostas. “Porque todas son moi importantes para o enriquecemento da vida cultural e social en Cedeira e presisamos de todas elas”, subliñou, desexando que a convocatoria de axudas acade de novo a demanda habitual.
Ambas as dúas convocatorias fixéronse en réxime de concorrencia competitiva. No caso da adicada ao desenvolvemento de programas e actividades, o Concello vai repartir 8.149,63 euros entre as catro asociacións solicitantes e as contías concedidas vanlles cubrir entre o 60 e o 80% dos gastos previstos. Así, a Rondalla de Cedeira contará cunha axuda municipal de 1.282,72 euos para desenvolver un programa de actividades valorado en 2.082,72 euros; a asociación de veciños Cervo Tarroiba e a sociedade artística Eixil obteñen, cada unha, 2.400 euros para senllos gastos de 3.000 eurose a asociación de Patchwork de Cedeira recibirá 2.100 euros para un gasto de 3.000 euros.
Na convocatoria de subvencións para investimentos, o Concello concede dúas axudas de 480 euros para senllos orzamentos de 600 euros tanto da asociación de veciños Cervo Tarroiba como da sociedade artística Eixil, así como unha terceira axuda de 360 euros para a asociación cultural da Terceira Idade Aturuxeiras, que prevé empregar 450 euros. Neste caso, todas as entidades solicitantes obtiveron o 80% do investimento a realizar.