O goberno municipal de Cedeira valora a clasificación sanitaria final da auga das praias para o 2020, que é de “excelente” no caso do areal de Arealonga e de “boa” no da Madalena, segundo o informe emitido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, entende que “se trata dunha calificación moi boa, aínda que seguiremos traballando para que a Madalena pase de boa a excelente”. Moreda Gil recorda que o informe recolle a media dos últimos catro anos.
O rexedor municipal considera que os resultados responden a unha serie de accións que se están a levar a cabo desde o ano 2015, entre as que destacou o feito de apostar por canalizacións separadas de pluviais e fecais na red de sumidoiros, pola posta en marcha do servizo de recollida de aceite usado e polas actuacións executadas para acabar cos puntos de verteduras localizados, entre outras.
Estas melloras terán continuidade este mesmo ano, segundo o alcalde, cun novo investimento de 300.000 euros para novas obras na rede de sumidoiros, “que era o maior problema de contaminación que había”, e por controlar e evitar posibles futuras verteduras.
Excelente para Valdoviño
A Xunta de Galicia tamén notificou ao Concello de Valdoviño a clasificación sanitaria final da auga das praias para o 2020, que califica de excelente. O informe alude ás seguintes zonas: Baleo, Campelo, Frouxeira, Meirás, Mourillá, Pantín e Vilarrube.
A clasificación sanitaria final será vixente para a tempada 2020 e, tal e como recolle a normativa, o Concello informará da mesma aos usuarios nas inmediacións dos areais.