Cedeira edita e distribúe unha guía de recursos para casos de violencia contra as mulleres

O Concello imprimiu 1.000 exemplares dun folleto de pequeno formato que reúne teléfonos de atención, páxinas web e aplicacións de interese baixo a mensaxe «Non estás soa»
Imaxe das pegatinas promocionais da inciativa | Concello de Cedeira
Imaxe das pegatinas promocionais da inciativa | Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira vén de editar un folleto informativo para dar a coñecer os recursos de información e atención especializada en casos de violencia contra as mulleres. A publicación, de tamaño reducido para poder levala comodamente mesmo xunto á funda do teléfono móbil, recolle números de contacto, páxinas web e aplicacións útiles para solicitar axuda e reforzar a seguridade.

A iniciativa está dirixida tanto ás mulleres que sofren violencia como a calquera persoa que coñeza ou sospeite dunha situación deste tipo. A través da mensaxe «Non estás soa», o Concello anima a pedir axuda e facilita información sobre os servizos dispoñibles.

Teléfonos de atención e recursos especializados

O Concello editou 1.000 exemplares da guía, que inclúe teléfonos de emerxencias e información de contacto dos Centros de Información á Muller de Ortigueira e Ferrol.

Tamén incorpora datos de servizos de atención permanente, como o Centro de Crise de Ferrol e o 016, o servizo do Goberno central para atender as vítimas de violencia contra as mulleres.

Ademais, o folleto conta con códigos QR para acceder á páxina web da Delegación do Goberno especializada nesta materia e á aplicación AlertCops, das forzas e corpos de seguridade, que ofrece diferentes funcionalidades destinadas a reforzar a seguridade das mulleres.

Dispoñible en dependencias e instalacións públicas

O folleto, que unha vez dobrado mide 7,4 × 10,4 centímetros, está a disposición da cidadanía en distintos puntos do municipio.

Entre os lugares onde se pode recoller figuran o Concello de Cedeira, o centro de saúde, os Servizos Sociais, as oficinas da Policía Local e o posto da Garda Civil, ademais doutras dependencias e instalacións públicas.

Con esta publicación, o Concello busca facilitar o acceso á información e aos recursos de apoio, para que tanto as posibles vítimas como as persoas da súa contorna saiban onde acudir ante unha situación de violencia contra as mulleres.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.