Cedeira instalará 539 lámpadas de tipo led en máis de vinte zonas das parroquias do rural

O alcalde, Pablo Moreda, recordou que "é un investimento que vai servir para aforrar a longo prazo, tanto no gasto municipal en enerxía eléctrica como tamén para reducir a contaminación ao medio ambiente”

O concello de Cedeira instalará 539 lámpadas de tipo led que substituirán as actuais en diferentes viais da zona rural de Cedeira. A actuación acométese con cargo ao programa da Deputación Provincial POS+2019 e marca un novo avance no plan do goberno local para dotar á vila dun sistema de iluminación pública máis eficiente e menos contaminante.

“É un investimento -recordou o alcalde, Pablo Moreda- que vai servir para aforrar a longo prazo, tanto no gasto municipal en enerxía eléctrica como tamén para reducir a contaminación ao medio ambiente”. O proxecto suporá un investimento de 29.578 euros e a súa instalación serán xestionada polos propios operarios municipais.

As novas lámpadas led van substituír as vellas de vapor de sodio en cinco parroquias cedeiresas: nos lugares da Bouza e As Pontigas, na Regoa; nos lugares de Purrei, A Carballa, Campo do Hospital, As Vieiteiras, Cimadevila, Erbellas, Fraguela, Os Candales, Serantes e A Pasada na parroquia de Montoxo; en Ardeón, Sisalde Maior, Sisalde Cativo e Barral, na zona de Esteiro; nas Saíñas, Figaredo e Espasante, na parroquia de Cedeira, e na Trabe e Diamantel, na de Piñeiro.

A tecnoloxía led tradúcese no consumo de menos da metade de enerxía para producir a mesma cantide de luz que coas antigas lámpadas. Así, a renovación da rede de alumamento público fai que caiga sensiblemente a potencia necesaria, mellorando o rendemento e reducindo os costes de mantemento. Os novos puntos de luz non teñen mercurio, como os de vapor de sodio, e contaminan menos.

O Concello de Cedeira, que esta adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, ten pendende de resolver outro importante proxecto para a renovación de 1.452 lámpadas da rede pública de iluminación da zona rural.

Salir de la versión móvil