Cedeira mantén suspendidos a feira e o mercado “por seguridade”

Desde o goberno local creen que non se poden garantir as medidas e protocolos necesarios

O goberno municipal de Cedeira decidiu hoxe manter a suspensión que pesa sobre a celebración tanto do mercado semanal como da feira mensual por considerar que a súa localización non reúne as condicións de seguridade nin sanitarias esixidas no estado de alarma actual. Cuestións como manter a distancia ou controlar a concorrencia de persoas serían practicamente imposible de garantir debido ás características da zona na que teñen lugar, tal e como se fai constar desde o executivo local.

Os responsables municipais estiman que nestes casos a seguridade das persoas ten que estar por enriba de calquera outra cuestión e explican así mesmo que a maioría dos produtos que se comercializan en ámbalas dúas convocatorias tamén poden ser adquiridos noutros establecementos da vila.

O goberno de Cedeira destaca o carácter cautelar dunha medida que se levantará cando as condicións de seguridade así o permitan, dado o importante papel económico e social que estas citas comerciais xogan na vida da localidade. A feira mensual celébrase o segundo domingo de mes na alameda de enriba da ponte, mentres que o mercado ten lugar todos os sábados nesa mesma zona.

Salir de la versión móvil