Cedeira proxecta cambiar o gas pola biomasa na piscina municipal

A obra prevese financiar a través do Fondo de Cooperación Local e aforrará a emisión de 61,39 toneladas de CO2 á atmósfera cada ano

Piscina municipal de Cedeira

O goberno local de Cedeira vén de presentar un proxecto de substitución da actual caldeira de gas da piscina municipal por un sistema de biomasa, máis eficiente e menos contaminante, ao Fondo de Cooperación Local. Segundo informou o alcalde, Pablo Moreda, a actuación está orzamentada en algo máis de 92.000 euros e solicitouse o 100% de axuda para financialo totalmente a través da devandita convocatoria. O alcalde de Cedeira destacou que o cambio de sistema vai aforrar ao ano a emisión de 61,39 toneladas de CO2 á atmósfera. Actualmente, a piscina municipal conta con dúas caldeiras de gas, un combustible fósil que é máis contaminante, e unha microxeración de gas que non está en uso.

A actuación proposta pasa por modernizar as instalacións, consonte o que di o Código Técnico da Edificación e o Regulamento da Instalacións Térmicas en Edificios, para empregar enerxías renovables. Así, as novas caldeiras funcionarán con pellets e permitirán quentar o vaso de auga da piscina, proporcionar calefacción ao edificio e producir auga quente. Instalaranse dúas caldeiras de biomasa, de 64 kW de potencia cada unha, que se alimentarán de forma automática desde un silo textil ubicado na parte superior da actual sala das caldeiras de gas. Mellorarase o illamento das tubaxes, para evitar perdas de enerxía, e levarase a cabo unha mellora na regulación do sistema, que estará mellor controlado e por tanto será máis eficiente.

O Concello de Cedeira está a reclamar a construción dunha nova piscina de 25 metros, porén cando ese proxecto se faga realidade –clarexan desde o goberno local- a actual seguirá a prestar servizo á poboación. Moreda Gil recordou que o Concello de Cedeira está comprometido coa loita contra o cambio climático. No ano 2020 o alcalde asinou o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que se sumaron máis de 7.000 concellos de 57 países, e a continuación elaborouse un plan de acción que preveía reducir as emisións contaminantes de Cedeira nun 40%. Xunto coas accións de sensibilización para que a poboación contribúa a limitar a contaminación, a administración local adquiriu un compromiso importante no recorte das emisións das súas propias instalacións.

Salir de la versión móvil