O Concello de Cedeira deu este xoves un paso decisivo para facer realidade o esperado novo Centro de Saúde ao aprobar por unanimidade no pleno municipal a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá destinar chan público ao proxecto e ordenar toda a contorna da infraestrutura sanitaria.
Os tres grupos políticos con representación apoiaron a modificación, que co respaldo dos informes técnicos expostos e tras completar o período de información pública, foi aprobada definitivamente polo pleno. Agora, o expediente seguirá o seu traxecto administrativo cara á Demarcación de Costas e, posteriormente, á Xunta de Galicia para a súa aprobación final, paso imprescindible para que os terreos poidan ser postos oficialmente á disposición da Consellería de Sanidade.
A alteración urbanística afecta a un ámbito de máis de 7.445 m² entre o campo de fútbol do Beco e as rúas Río da Veiga —na que se atopa a Estación de Autobuses— e Deporte. Deste espazo, 3.665 m² estarán destinados ao futuro Centro de Saúde, mentres os 3.781 m² restantes se dedicarán á urbanización: apertura de vías, beirarrúas, aparcamentos e zonas verdes.
Para completar a bolsa de solo necesaria, o Concello adquiriu recentemente dúas parcelas privadas na rúa Río da Veiga por un total de 75.500 €, ampliando a superficie dispoñible fronte ao mínimo solicitado pola Consellería de Sanidade.
O goberno municipal salienta que a reurbanización mellorará tamén a mobilidade urbana, permitindo a apertura completa do trazado da rúa Río da Veiga e a súa conexión con Pitilleira, ademais de crear 44 prazas de aparcamento en superficie e incorporación de arborado nas beirarrúas.
O novo Centro de Saúde de Cedeira —clasificado como prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas— substitúe ao actual edificio, que non pode ampliarse, e dará cobertura sanitaria a unhas 6.500 persoas da vila. Esta cifra aumentará ata as 10.000 usuarias no caso do Punto de Atención Continuada (PAC), que tamén atenderá residentes de Valdoviño e Cerdido, e ata 15.000 no servizo de fisioterapia, con poboación procedente tamén de Moeche e As Somozas.
Coa cesión de 3.665 m² ao Sergas — moi superior aos 2.000 m² inicialmente solicitados —, o Concello garante unha dotación que non só responde ás necesidades actuais senón que tamén contempla o crecemento futuro da poboación. O edificio que agora alberga o Centro de Saúde pasará coa súa vez a titularidade municipal, co que o Concello poderá destinarlle a novos servizos públicos unha vez finalizadas as obras e o traslado.


