Novas rutas marítimas e terrestres polo litoral do futuro xeoparque Cabo Ortegal

Serán ata o domingo por Moeche, San Sadurniño, Cariño e Cedeira

Imaxes das rutas celebradas este mes polos concellos do proxecto do xeoparque Cabo Ortegal | CÉSAR GALDO

En plena semana grande das vacacións de xullo e nas datas en que se concentran tres das grandes citas lúdicas do verán do territorio aspirante a Xeoparque Unesco. E é que onte arrancou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira —este ano será o máis longo da historia—, tamén está en marcha até o domingo o Pantín Classic Surf Pro en Valdoviño e o venres e sábado celebranse en Cariño as festas do Carme coa espectacular ruta marítima até os Aguillóns —sábado 11:30 horas— e a Danza de Arcos —13:30—, que é un exemplo moi destacado do noso patrimonio inmaterial.

Pero ademais de todo iso tamén o proxecto do Xeoparque organizará novas xeorrutas ata o domingo a razón de unha por día e combinando paisaxe e formacións do litoral con outras do interior. A elas engádeselles o inicio das xeorrutas marítimas entre Cedeira e Cariño ofrecidas pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira, unha o xoves ás 17:00h e outra o domingo ás 17:30 horas, saíndo ambas do peirao vello de Cedeira —reservas no 722 615 382—.

En todas as rutas organizadas polo xeoparque aínda hai prazas dispoñibles, pero cómpre non demorarse moito a reservar porque hai algunhas que están a piques de cubrir o cupo de asistentes, como por exemplo a das Areas Negras do xoves, a de Mina Piquito do sábado ou a do Granate que se desenvolverá o domingo. As reservas hai que facelas obrigatoriamente en liña e cun custe por persoa de 9 euros, reintegrables ata 24 horas antes no caso de cancelación.

Xoves 14 de xullo, 10:00h a 14:00 horas: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento do areal de Teixidelo —aos pés dos cantís máis altos da Europa continental— fan da zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes.

Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla que leva o mesmo nome, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val que presenta todas as características dunha orixe glaciar. Trátase dun percorrido de dificultade alta que require bo estado de forma e roupa e calzado adecuados. Tamén é altamente recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro), algo que é altamente recomendable para todas as xeorrutas desta semana en que se agardan altas temperaturas. Máis info e reservas aquí.

Venres 15 de xullo, 16:30 a 20:30 horas: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas. Abandonamos a zona costeira para emprender a primeira das xeorrutas interiores da semana, achegándonos para iso ao límite sur do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O punto de encontro é impoñente castelo de Naraío, situado sobre un rochedo xusto á beira do val estrutural do río Castro tendo de fronte os grandes desniveis do bloque granítico do Forgoselo.

Roteiro nas minas de Poquito, en Moeche | CÉSAR GALDO

Desde o castelo descenderase até a fervenza de Riolimpo, punto de confluencia entre a paisaxe de granito e materiais sedimentarios completamente distintos. O percorrido remata na zona de Racamonde —cómpre subir o coche— chea de exemplos de bolos, pedras cabaleiras, pías, acanaladuras e tafonis que non se atopan en ningún outro lugar do territorio aspirante a obter a distinción da UNESCO. Máis info e reservas aquí.

Sábado 16 de xullo, 16:30 a 18:30 e 18:40 a 20:40: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Máximo 10 persoas por quenda. Neste itinerario si nos meteremos literalmente no interior da Terra para facer a ruta máis curta de todo o programa e unha das máis rechamantes polo que iremos vendo a cada paso. Mina Piquito é un xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a mina.

Por cuestións de seguridade, nesta xeorruta só poderán participar maiores de 11 anos. A entrada farase en dúas quendas, unha ás 16:30 horas e outra ás 18:40 horas. A reserva hai que facela escollendo un dos dous horarios. Máis info e reservas aquí.

Domingo 17 de xullo, 10:00 a 16:00 horas: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pescadores desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.

Esta ruta xeolóxica é para moitas das persoas que xa a fixeron unha das máis espectaculares de todas cantas se poden facer pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido á presenza de tramos con pedra solta e ao desnivel que acumula, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. O remate estimado da actividade será ás 16:00 h., polo que hai que levar comida e bebida. Máis info e reservas aquí.

Xoves 14, 17:00h e domingo 17 de xullo, 17:30 horas: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas con un custe de 50 euros. Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión.

Salir de la versión móvil