O auditorio de Cedeira contará cun novo ascensor

O novo elevador será eléctrico e máis eficiente que o actual, de tipo hidráulico, e evitará os repetidos problemas que se producen co actual, con 17 anos de uso

O Concello de Cedeira ten listo o anteproxecto para cambiar o ascensor do Auditorio Municipal por un eléctrico, máis eficiente e tamén máis fiable, que evitará os frecuentes fallos que presenta o actual. Modernizar este equipamento, que ten un uso intensivo polas moitas actividades que se desenvolven no inmoble, precisa un orzamento de algo máis de 46.500 euros e o goberno local ten solicitada unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental para afrontalo.

O Auditorio Municipal ten soto, planta baixa e catro alturas e o actual ascensor, indispensable para garantir a accesibilidade no edificio, é de tipo hidráulico e ten xa 17 anos de uso. Sucede que se rexistran frecuentes problemas co equipamento actual, que resulta afectado polas inundacións que se producen no soto en situacións de moita choiva. Para evitar esta situación anularase o acceso ao ascensor desde o soto e aproveitarase o oco para situar alí a maquinaria que precisa o novo elevador eléctrico.

Será un ascensor máis eficiente, con menos consumo de enerxía e que polo tanto aforra contaminación á atmósfera. Ademais, polas súas características e polo rigoroso control de calidade que ten o modelo que se vai instalar, o mantemento vai ser máis sinxelo e as inspeccións periódicas servirán para predicir problemas e garantir o seu uso sen interrupcións. Será tamén máis rápido que o actual.

Salir de la versión móvil