O Concello de Cedeira adxudica 112 axudas aos negocios locais e ultima outra convocatoria

O 90% das solicitudes presentadas ao programa municipal resultaron aprobadas
20160718_mato_cedeira_2

O Concello de Cedeira acaba de publicar a relación de empresas e autónomos aos que se lles concedeu unha das axudas dirixidas a paliar as dificultades xeradas pola crise económica. A convocatoria que o goberno local lanzou en marzo resólvese con 76.750 euros repartidos entre 112 negocios do municipio, o 90% dos que presentaron a súa solicitude. Segundo informou o concelleiro de Facenda e Servizos Económicos, Manuel Martínez López, a acollida foi moi boa, especialmente entre o sector hostaleiro, e en breve sairán as bases dunha nova convocatoria de subvencións dotada con 137.000 euros.

A convocatoria de marzo partía dun orzamento de 150.000 euros e recibiu un total de 124 solicitudes, das que unha ducia foron desestimadas por non cumprir as condicións. A maior parte das axudas adxudicadas son de 650 euros, a cantidade prevista para os autónomos, mentres que as empresas obteñen 850 ou 1.000 euros, segundo teñan menos ou máis de cinco persoas empregadas. O listado pode consultarse na web do Concello.

Estas axudas contribúen a apuntalar empregos na vila, “porque comprometen a conservar, polo menos durante tres meses máis, o 50% do cadro de persoal que había antes da pandemia”, explicou Manuel Martínez, que asegurou que o pago se vai axilizar ao máximo para que estea canto antes nas mans dos seus destinatarios.

Desde o goberno local informan, por outra banda, de que se realizaron as xestións para inscribir a Cedeira no programa PEL Reactiva da Deputación da Coruña, dirixido aos municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. A nova convocatoria, para a que se están a ultimar os trámites administrativos, significará poñer a disposición dos negocios locais un fondo de 137.000 euros, financiado na súa meirande parte pola Deputación, que se repartirán entre autónomos e empresas en axudas que irán dos 1.500 aos 3.000 euros.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.