O Concello de Cedeira impulsa a terceira campaña deste ano no castro Sarridal

Os traballos consisten na consolidación dos achados e na instalación dun valado perimetral e un panel explicativo ao pé do forno
Sarridal-3
PUBLICIDAD

O Concello de Cedeira acaba de poñer en marcha unha nova campaña de traballos no programa de recuperación arqueolóxica dos restos castrexos do Castro Sarridal. O alcalde da vila, Pablo Diego Moreda Gil, celebrou o impulso que se ten dado tamén neste ano 2020 aos traballos de posta en valor do xacemento que comezaron en 2017, tanto coas labores de escavación e consolidación dos restos como coa creación do Centro de Interpretación no Castelo da Concepción, e manifestou unha vez máis o compromiso do goberno local de seguir investigando a pegada castrexa na zona.

O arqueólogo Emilio Ramil, que dirixe os traballos, recordou que este ano se levou a cabo a sexta campaña de escavación, á que seguiron dúas fases de consolidación, a segunda das cales se está a desenvolver desde hai poucos días. A finalidade destes traballos é presentar os achados na súa ubicación orixinal, completando as partes que non se conservaron con outros materiais diferenciados, de maneira que os restos queden protexidos e que se facilite a comprensión do conxunto.

 

A sexta campaña de escavación avanzou este verán no descubrimento do paramento exterior do bastión defensivo do castro, que nalgúns puntos se conserva con dous metros de altura, e tamén da muralla, que se recuperou ao longo de 12 metros. Máis aló de cumprir os obxectivos iniciais, o equipo de AXA Arqueoloxía atopouse nesta zona coa sorpresa dun torreón defensivo que está adosado ao bastión da muralla e que ten planta oval.

A continuación desenvolveuse a primeira fase das tarefas de consolidación dos elementos escavados, durante o mes de setembro, e agora está en marcha a segunda, na zona do torreón exterior e do acceso ao forno. O Concello de Cedeira financiou a sexta campaña de escavación e tamén os traballos que se están a desenvolver agora, mentres que a primeira parte da consolidación foi custeada pola Dirección Xeral da Xunta de Galicia.

A campaña agora activa, ademais de consolidar e protexer os restos descubertos, incluirá a construción dun peche perimetral de madeira e a instalación dun panel, en forma de mesa, que se situará diante da sauna, con información e un código QR que facilitarán a comprensión dos achados.

Cómpre recordar que o Castro Sarridal conta cunha das cinco saunas castrexas descubertas en Galicia e coa pedra formosa máis antiga, datada aproximadamente no ano 230 a.C. coa proba do Carbono 14.

 

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.