O Concello de Cedeira pediu colaboración a veciñanza para manter limpos os espazos públicos e tamén para optimizar o funcionamento do servizo de recollida de lixo. O cumprimento dos horarios para baixar as bolsas, así como o feito de botalas pechadas, ademais de tratar de reducir ao mínimo os depósitos de papel e cartón, son as cuestións sobre as que o executivo chama especialmente a atención co propósito de mellorar a prestación do servizo.
“O resultado sería moito máis satisfactorio de manterse unha actitude máis solidaria ou mesmo de seguir as pautas establecidas ou ditadas polo sentido común mentres que, polo contrario, a sensación de sucidade e abandono resulta evidente a primeira vista”, segundo pon de manifesto o goberno municipal. “Pedimos á ciudadanía que cumpra co seu deber e nós, desde o Concello, e sempre que sexa preciso, incrementaremos o número de contedores, así como a frecuencia da súa limpeza sobre todo durante os meses de verán”.
O executivo entende que por parte da cidadanía tamén debería de haber unha reflexión sobre a súa propia responsabilidade. “Se cada un de nós fora quen de tomarse a molestia de pregar os residuos habería menos volume e o contedor tardaría máis tempo en estar cheo”, aseguran desde o equipo de goberno. Tamén se reitera que o lixo se recolle todos os días, agás os domingos e festivos, ao tempo que se aconsella aos usuarios que deben baixar as bolsas na tardiña, sen líquidos e pechadas para evitar cheiros que resultan tan molestos.