Ugía Pedreira ofrece un concerto este domingo en Cedeira

A artista de Foz presentará o seu primeiro traballo en solitario, "Segmento Cantábrico", acompañada por Guadi Galego, Uxía e Marina Oural

Imagen promocional de Ugía Pedreira | CEDIDA

O Museo Mares acollerá este domingo a presentación en Cedeira do primeiro traballo en solitario de Ugía Pedreira, “Segmento Cantábrico”, nunha cita que leva por nome “Convivio” polo seu espíritu de festa ou banquete para compartir. O concerto, que promove o Concello e a asociación de amigos do museo, será ás 13:00 horas e nel participarán tamén as artistas Guadi Galego, Uxía e Marina Oural.

Ugía Pedreira (Foz, 1970), coñecida como “A Pedreira”, ten unha longa carreira musical ás costas. Comezou como vocalista no grupo Chouteira, un dos grupos máis senlleiros do boom do folk dos anos 90, e despois participou en moitos e diferentes proxectos, como Marful, Ecléctica Ensemble, Nordestinas… “Segmento Cantábrico” é o primeiro disco de seu, un traballo ben recibido pola crítica e que ela define como dun folk claro e transparente, aínda que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outras influencias da música europea e o folk americano.

“A Pedreira” celebrará no museo Mares unha festa coas cantantes Guadi Galego e Uxía e coa poeta Marina Oural. As persoas interesadas en asistir teñen que reservar entrada de maneira anticipada enviando un whatsapp ao número 649 876 614. Como máximo reservaranse dúas prazas por persoa.

Salir de la versión móvil