Un tren eléctrico que circula sobre raís é a nova atracción que hoxe e mañá funcionará no Polideportivo Municipal de Cedeira, para que nenos e nenas de 2 a 10 anos gocen da experiencia de viaxar en vagóns á súa medida. A proposta súmase á variada oferta de ocio que o Concello dispuxo para estas festas de Nadal no interior do pavillón, con actividades para toda a familia totalmente de balde. Así, o circuíto de vías sobre o que vai o tren, coa locomotora en cabeza e os vagóns a continuación, funciona hoxe e mañá durante todo o horario de apertura do parque de xogos do Polideportivo, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Segue aberto tamén ata o 8 de xaneiro –salvo festivos- o resto das atraccións: a pista de xeo, o tobogán xigante, os xogos inchables e a zona de obradoiros, todos os días no devandito horario e totalmente de balde. Cómpre recordar que este venres, día 30, o Auditorio Municipal de Cedeira acollerá o Concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Vila de Cedeira e que para o 1 de xaneiro, o Concello programou unha Festa de Ano Novo. A partir da unha da madrugada, despois de tomar as uvas, comenzará na Praza Roxa unha verbena amenizada pola orquestra Olympus.