O Concello de Cedeira reprogramou para este venres, día 6 de xaneiro, a verbena coa orquestra Olympus que tivo que ser suspendida na madrugada de Ano Novo pola adversa meteoroloxía. O evento transfórmase nunha festa de despedida das festas de Nadal, coa que o Concello quere brindar á veciñanza e ás numerosas personas que visitan a vila nestas festas, para reencontrarse con amigos e familia, unha oportunidade para gozar e divertirse xuntos.
Desta volta a verbena comezará ás 23.15 horas, nunha carpa disposta ao efecto na praza Roxa. A orquestra Olympus, unha das máis prestixiosas de Galicia, levará o seu espectáculo de música de diferentes estilos e baile á vila, xusto no arranque da súa nova xira 2023.
Para o sábado, día 7, está prevista a Carreira Popular de Nadal que tivo que ser adiada o pasado día 31. A cita lúdico-deportiva comezará na praza Roxa ás 16.00 horas, cun itinerario circular que pasará pola praza 18 de Decembro, o Camiño Real da Madalena, a rúa Salinas, a avenida de España e remate na praza Roxa. As persoas adultas realizarán dúas voltas ao trazado, mentres que as persoas que opten por facer unha andaina lúdica farán unha. É unha carreira na que moitas persoas participantes adoitan acudir con disfraces, subliñando o ambiente festivo da mesma. Ao remate da carreira sorteranse unha serie de cestas de Nadal entre as persoas participantes.