Ferrol e Narón comprométense a desbloquear o problema da xestión do sistema de saneamento

Nunha reunión mantida hoxe con ACUAES e Augas de Galicia, os rexedores de ambos municipios mostraron a súa bontade de avanzar nunha solución sobre os gastos que orixinan os interceptores da ría

A Comisión de Seguimento do convenio subscrito pola sociedade estatal Augas das Concas de España -ACUAES-, a entidade pública empresarial Augas de Galicia e os Concellos de Ferrol e Narón para a construción e explotación da actuación “Interceptores xenerais da marxe dereita da ría de Ferrol” reuníronse para abordar o desenvolvemento dos labores de explotación por parte de ACUAES destas infraestruturas, así como o seguimento económico da actuación entre outros asuntos.

Á reunión asistiron a directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo e os alcaldes de Ferrol e Narón, Anxo Manuel Mato e Marián Ferreiro. Un dos principais asuntos tratados foi a débeda acumulada polo Concello de Ferrol, quen desde maio de 2019 non abonou ningunha das facturas emitidas por ACUAES. Neste sentido, o alcalde de Ferrol apuntou que, ao seu xuízo, parte das facturas necesitan o respaldo do Pleno municipal para poder ser abonadas, unha situación que non se produciu ata a súa chegada á fronte do Consistorio.

Na comisión informouse de que o Concello de Narón atópase ao corrente de pago con ACUAES respecto de todas as facturas viradas e vencidas. ACUAES expuxo distintas alternativas para desbloquear este problema, que os dous rexedores comprometéronse a estudar e dar unha resposta consensuada en breve.

En servizo desde 2014

As obras de “Interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol” dividíronse en cinco tramos, “A Malata-A Gándara”, “A Gándara- Cadaval”, “Estación de regulación de O Porto”, “Rio Inxerto” e “Tramo Cadaval-Neda”. Estas teñen como obxecto recoller as augas residuais que xeran os habitantes que viven en Ferrol e Narón, para transportalas despois ata a estación de bombeo construida na Malata. De aquí son enviadas a través dun túnel á Estación Depuradora de Cabo Prioriño, na que son depuradas antes da súa devolución á ría.

O novo e moderno sistema xeral de saneamento construído e xestionado por ACUAES consta dunha rede de máis de 25 quilómetros de colectores, once tanques de tormentas e unha estación de regulación de caudais, que permite controlar o caudal enviado á EDAR.

A actuación, cuxa explotación realiza directamente ACUAES a solicitude de ambos os Concellos, presta servizo desde o ano 2014 a unha poboación de 85.000 habitantes equivalentes -156.000 sumando a parte industrial-, e permitiu solucionar a afección que sobre a ría de Ferrol estaba a xerar a vertedura de augas residuais ao longo da súa marxe dereita.

O investimento realizado ascende a 50 millóns de euros e foi financiada nun 90 por cento polo MITECO, mediante achegas de ACUAES e do Fondo FEDER da Unión Europea, e no 10% restante pola Xunta de Galicia.

Salir de la versión móvil